Premios Provinciais do pequeno comercio 2009

Redactado por: Redacción Venres,  10 de setembro de 2010

para-web-encontros2009

BASES

1. ANTECEDENTES

Dende a Deputación de Pontevedra considérase ao sector comercio un elemento estratéxico que ten unha incidencia directa na calidade de vida das persoas, na posta en valor do patrimonio arquitectónico e urbanístico, no desenvolvemento das vilas e que é un apoio fundamental para o sector turístico.

Por este motivo despois dun ano no que se puxeron en marcha moitas das actividades demandadas polo sector e recollidas no Plan Director de Comercio 2009 - 2012, a Deputación de Pontevedra quere seguir apoiando e impulsando o pequeno comercio mantendo un encontro anual cos comerciantes e cos representantes das asociacións de comerciantes da nosa provincia co gallo de coñecer o seu punto de vista sobre o traballo desenvolvido, as súas inquedanzas e propostas de futuro.

A Deputación de Pontevedra a través da súa Área de Comercio convoca a I edición dos Premios Provinciais do Pequeno Comercio no marco dos “encontros 2009. Gala Provincial do Pequeno Comercio”, reunión que terá unha periodicidade anual e que suporá unha oportunidade para amosar o recoñecemento aos concellos, agrupacións de comerciantes e comerciantes particulares que traballan por modernizar, promocionar, dinamizar e darlle continuidade ao modelo de pequeno comercio na nosa provincia, característico dun sistema de proximidade.

2. OBXECTO DAS BASES

O obxecto das presentes bases é regular a concesión dos I Premios Provinciais do Pequeno Comercio que nacen coa finalidade de apoiar e impulsar ao pequeno comercio, recoñecendo, estimulando e premiando os seguintes aspectos:

- O traballo daquelas experiencias que, dende o ámbito da administración local contribuíron a que os centros urbanos das vilas da provincia de Pontevedra sexan máis atractivos, vivos, competitivos e sostibles.

- As accións que incrementen e melloren os servizos prestados aos pequenos comerciantes da provincia de Pontevedra por medio da posta en marcha e a boa xestión de iniciativas desenvolvidas dende as agrupacións de comerciantes.

- As boas prácticas comerciais: a profesionalidade, o desenvolvemento comercial, a imaxe e a proxección comercial dos pequenos comercios da provincia de Pontevedra.

- As boas prácticas comerciais: o bo facer , a introdución de modificacións significativas, a modernización, a imaxe e a proxección comercial dos comercios tradicionais.

- A posta en marcha de pequenos comercios impulsados por mulleres e o autoemprego feminino.

para que os pequenos comercios da provincia de Pontevedra sexan recoñecidos por proxectar unha imaxe e uns valores desexables como distintivo.

3. MODALIDADES E DOTACIÓN ECONÓMICA

Establécense os seguintes premios:

A) Premio provincial a concellos. Destinado a premiar as actuacións de renovación urbana comercial no centro das vilas contribuíndo á promoción e dinamización comercial. Recoñecer o desenvolvemento de actuacións municipais que pola súa contribución á mellora do comercio, e en consecuencia do entorno urbano, poidan servir de modelos e referentes aos demais municipios da provincia de Pontevedra. 6.000€

B) Premio provincial a Asoc. e Agrupacións de Comerciantes, Centros Comerciais Abertos e Centros Comerciais Urbanos. Destinado a galardoar a tarefa desenvolvida polas agrupacións de comerciantes da provincia de Pontevedra en prol do asociacionismo comercial e da profesionalización da figura da xerencia. Quere distinguir a traxectoria da entidade na súa xestión e nas iniciativas que desenvolve en prol da mellora do comercio urbano. 3.000€

Este premio contará cun accésit. de 2.500€

C) Premio provincial á innovación no pequeno comercio. Destinado a premiar a pequenos comercios da provincia de Pontevedra que incorporen elementos innovadores sexa na súa imaxe, instalacións, servizo, envase, produto ou noutros aspectos que contribúan a realzar o seu valor competitivo, o desenvolvemento comercial e a modernización. 3.000€

D) Premio provincial ao comercio tradicional. Destinado a galardoar a comercios da provincia de Pontevedra que contan polo menos con 18 anos dende a súa apertura, nos que destaque especialmente a profesionalidade, o bo facer e a introdución de modificacións significativas, novas tecnoloxías, elementos de modernidade na súa estrutura e/ou imaxe para acadar unha maior capacidade competitiva e proxección comercial de presente e futuro. 3.000€

E) Premio á muller emprendedora. Destinado a galardoar a pequenos comercios da provincia de Pontevedra dirixidos unicamente por mulleres, estimulando a posta en marcha de novos comercios e o autoemprego feminino. 3.000€

Os citados premios financiaranse con cargo ás partidas 09/470.470.462.00 (Premio provincial a concellos), 09/470.470.481.03 (Premio provincial a Asoc. e Agrupacións de Comerciantes, Centros Comerciais Abertos e Centros Comerciais Urbanos) e 09/470.470.470.01 (premios provinciais a empresarios individuais) do vixente orzamento provincial.

4. REQUISITOS DAS CANDIDATURAS

A)

- Premio provincial a concellos. Poderán ser candidatos todos concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación non superior a 50.000 habitantes.

- Premio provincial a Asoc. e Agrupacións de Comerciantes, Centros Comerciais Abertos e Centros Comerciais Urbanos. Poderán presentar a súa candidatura as asociacións e federacións de comerciantes, grupos ou colectivos sen fins de lucro que desenvolvan actividades cuxos beneficiarios sexan os pequenos comerciantes da provincia de Pontevedra.

- Premio provincial á innovación no pequeno comercio. Poderán ser candidatos/as os empresarios/as autónomos/as e sociedades mercantís adicadas ao pequeno comercio incluídas nos epígrafes 64, 65 y 66 do Imposto sobre Actividades Económicas ou na rama 52 da CNAE e que non teñan máis de 8 empregados.

- Premio provincial ao comercio tradicional. Poderán ser candidatos/as os empresarios/as autónomos/as e sociedades mercantís adicadas ao pequeno comercio incluídas nos epígrafes 64, 65 y 66 do Imposto sobre Actividades Económicas ou na rama 52 da CNAE e que non teñan máis de 8 empregados e que conten polo menos con 18 anos dende a súa apertura.

- Premio á muller emprendedora. Poderán ser candidatas as empresarias autónomas e sociedades mercantís lideradas por mulleres adicadas ao pequeno comercio incluídas nos epígrafes 64, 65 y 66 do Imposto sobre Actividades Económicas ou na rama 52 da CNAE que non teñan máis de 8 empregados.

B) Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social de conformidade co establecido no Decreto 27/2008, de 3 de abril.

C) Non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no apartado 2 do artigo 13 da Lei 38/2003 de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

D) Non poderán optar a estes premios as persoas que teñan a condición de funcionario ou persoal laboral da Deputación de Pontevedra.

5. CRITERIOS DE VALORACION

A) Premio provincial a concellos.

Os aspectos a valorar nas propostas presentadas a esta convocatoria e que deberán ser acreditados por medio de fotografías e/ou a documentación xustificativa de xeito que o xurado poida valoralos serán:

- Actuacións impulsadas e desenvolvidas polos concellos da provincia de Pontevedra orientadas a apoiar e promocionar o pequeno comercio. Ata 5 puntos.

- Actuacións de urbanismo comercial que tiveron como obxectivo crear unha zona comercial urbana que sexa un espazo amable e agradable. Ata 3 puntos.

· Accesibilidade e sinalización da zona comercial.

· Mellora do mobiliario urbano, iluminación, creación de espazos verdes, de lecer e descanso na vía pública.

· Servizos de divulgación, seguimento e control da normativa comercial.

· Regulación das zonas de carga e descarga.

· Xestión e recollida selectiva de residuos.

· Oferta de servizos culturais e lúdicos na zona.

- Restauración de fachadas. Ata 2 puntos.

Considerarase mérito adicional calquera iniciativa e/ou innovación que facilite o desenvolvemento e competitividade do pequeno comercio así como a satisfacción dos pequenos comerciantes.

B) Premio provincial a Asoc. e Agrupacións de Comerciantes, Centros Comerciais Abertos e Centros Comerciais Urbanos.

Os aspectos a valorar nas propostas presentadas a esta convocatoria e que deberán ser acreditados por medio de fotografías e/ou a documentación xustificativa de xeito que o xurado poida valoralos serán:

- Accións e/ou actividades cuxos beneficiarios foran os pequenos comerciantes da súa demarcación territorial dentro da provincia de Pontevedra. Ata 2 puntos.

- Grao de asociacionismo respecto do nº de comercios da súa demarcación territorial de influencia. Ata 2 puntos.

- Que ofrezan unha imaxe e conduta de actuación única. Ata 2 puntos.

- Que teñan ou estean en trámites para implantar unha xestión profesionalizada. Ata 2 puntos.

- Implantación de programas de fidelización da clientela. Ata 2 puntos.

Considerarase mérito adicional calquera iniciativa e/ou innovación que facilite o desenvolvemento e competitividade do pequeno comercio así como a satisfacción dos comerciantes asociados.

C) Premio provincial á innovación no pequeno comercio.

Os aspectos a valorar nas propostas presentadas a esta convocatoria e que deberán ser acreditados por medio de fotografías e/ou a documentación xustificativa de xeito que o xurado poida valoralos serán:

- Actuacións de marketing e mellora da imaxe e da marca do comercio relacionadas coa orixinalidade e calidade do servizo que presta. Ata 5 puntos.

- Utilización das novas tecnoloxías e internet no desenvolvemento da actividade diaria. Ata 2 puntos.

- Participación do persoal en procesos de formación que repercutan directamente na satisfacción do consumidor. Ata 1 punto.

- Implantación de novos modelos de xestión. Ata 1 punto.

- Pertencer a algunha asociación / federación de comerciantes. Ata 1 punto.

Considerarase mérito adicional calquera innovación introducida no comercio que facilite o desenvolvemento e competitividade do mesmo así como a satisfacción dos clientes.

D) Premio provincial ao comercio tradicional.

Os aspectos a valorar nas propostas presentadas a esta convocatoria e que deberán ser acreditados por medio de fotografías e/ou a documentación xustificativa de xeito que o xurado poida valoralos serán:

- Introdución de modificacións significativas, novas tecnoloxías e elementos de modernidade na estrutura e imaxe do comercio para acadar unha maior capacidade competitiva e proxección comercial de presente e futuro. Ata 10 puntos.

Considerarase mérito adicional calquera mellora e innovación introducida no comercio que facilite o desenvolvemento e competitividade do mesmo así como a satisfacción dos clientes ao longo da súa traxectoria.

E) Premio á muller emprendedora.

Os aspectos a valorar nas propostas presentadas a esta convocatoria e que deberán ser acreditados por medio de fotografías e/ou a documentación xustificativa de xeito que o xurado poida valoralos serán:

- Utilización das novas tecnoloxías e internet no desenvolvemento da actividade diaria. Ata 2 puntos.

- Desenvolvemento da actividade en sectores tradicionalmente masculinos. Ata 3 puntos.

- Fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Ata 2 puntos.

- Fomento da conciliación da vida familiar e laboral. Ata 3 puntos.

Considerarase mérito adicional calquera innovación introducida no comercio que facilite o desenvolvemento e competitividade do mesmo así como a satisfacción dos clientes.

6. ORGANO DE VALORACIÓN – XURADO

A selección e proposta da concesión dos Premios Provinciais do Pequeno Comercio 2009 encoméndaselle a un xurado integrado polos seguintes membros:

· Presidente: O titular da Deputación de Pontevedra ou deputado no que delegue.

· Vogais:

o Un/unha representante do sector da prensa da provincia de Pontevedra.

o O Deputado delegado do Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios da Deputación de Pontevedra, dentro do que se enmarca a Área de Comercio do organismo provincial.

o Un/unha representante da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.

o Un/unha representante do Instituto Galego de Consumo.

o Un/unha representante de cada unha das Cámaras de Comercio, Industria e Navegación da provincia de Pontevedra (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Tui).

o Un/unha representante do Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios da Deputación de Pontevedra.

· Secretario: O secretario da entidade provincial ou funcionario/a en quen delegue.

Tódolos membros terán dereito a voto, menos o Secretario que asistirá ás reunións unicamente con voz.

O xurado valorará as candidaturas que reúnan os criterios establecidos en cada unha das modalidades atendendo aos datos incluídos no formulario de solicitude, ás memorias presentadas, á documentación aportada e valorando especialmente aqueles aspectos que supoñan unha contribución á imaxe dos valores desexables como distintivo do pequeno comercio da provincia de Pontevedra.

O xurado non poderá constituírse nin actuar sen contar coa asistencia de máis da metade dos seus membros, as súas decisións serán inapelables e está autorizado para resolver calquera dúbida de interpretación ou incidencia que poida xurdir, estea ou non contemplada nas presentes bases.

Aos membros do xurado que non manteñan relación laboral algunha coa Deputación de Pontevedra aboaráselle a cantidade de 45,00 € por cada reunión celebrada ata a resolución final dos premios, contía que será imputada á partida orzamentaria 09/470.470.226.40 do vixente orzamento provincial.

A participación nesta convocatoria supón a aceptación tácita das presentes bases e a decisión irrevogable do seu xurado.

7. PROCEDEMENTO DE VALORACIÓN

Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado reunirase no prazo máximo de quince días hábiles e procederá a realizar a valoración das candidaturas e selección dos premiados.

O fallo do xurado respecto da adxudicación das candidaturas premiadas redactarase nunha acta detallada que será asinada por tódolos membros. Pasará a coñecemento do presidente da Deputación de Pontevedra, ou do órgano competente en quen delegue, para prestarlle a súa conformidade.

A presidencia ditará a resolución definitiva de adxudicación dos premios no prazo de 10 días hábiles dende a data de elevación da proposta do xurado e se fará pública na reunión anual encontros 09. Gala Provincial do Pequeno Comercio” e na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.es).

A resolución desestimará expresamente as demais candidaturas presentadas e porá fin á vía administrativa.

A concesión destes premios será compatible con calquera outra subvención,

axuda, ingreso ou recurso procedente de calquera Administración ou ente público.

8. ENTREGA DE PREMIOS

Os I Premios Provinciais do Pequeno Comercio, entregaranse no marco da reunión anual encontros 09. Gala Provincial do Pequeno Comercio”, acto institucional organizado pola Deputación de Pontevedra que terá lugar o 12 de novembro de 2009, durante o que se fará público o nome dos/as premiados/as.

Os representantes das candidaturas premiadas obríganse a recoller persoalmente os galardóns correspondentes no acto oficial de entrega dos mesmos, considerándose o feito de non facelo, que renuncian a eles.

9. DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA

As candidaturas deberán formularse mediante solicitude asinada polo representante legal de cada concello, agrupación de comerciantes e/ou comercio segundo o modelo oficial e o Anexo I e achegaranse tamén os seguintes documentos:

- Breve memoria descritiva que en cada caso recollerá: as actuacións municipais, as tarefas desenvolvidas polas agrupacións de comerciantes, as medidas e/ou elementos innovadores introducidos no comercio, as boas prácticas comercias, os traballos ou experiencias desenvolvidas, os medios técnicos e humanos empregados ou calquera outro dato susceptible de ser valorado positivamente polo xurado e sexa coherente coa modalidade do premio ao que opta.

- Fotocopia compulsada do NIF do concello, agrupación de comerciantes ou comercio particular.

- Fotografías en formato papel e dixital (CD/DVD):

· Na modalidade A), 5 fotografías das actuacións de renovación urbana comercial e/ou das actuacións municipais que contribuíron á mellora do comercio, e en consecuencia do entorno urbano do concello candidato.

· Na modalidade B), de ser o caso, 5 fotografías das tarefas desenvolvidas polas agrupacións de comerciantes prol do asociacionismo comercial así como das iniciativas que desenvolveu en prol da mellora do comercio urbano.

· Nas modalidades C), D), E), 3 fotografías exteriores (fachada completa do comercio, incluído o rótulo, escaparates e porta de entrada), 4 da sala de ventas do antes e do despois (nos casos nos que compra).

- Certificado ou declaración responsable de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. (Anexo I).

- Certificado ou declaración responsable de non atoparse incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións. (Anexo I).

- Declaración de non ter a condición de funcionario ou persoal laboral da Deputación de Pontevedra. (Anexo I).

10. LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

As candidaturas presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30 e de 17:00 a 19:00, no Rexistro da Sede de Vigo de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas ou por calquera dos procedementos establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

O prazo de presentación das candidaturas será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Se o último día de presentación de solicitudes coincidira en domingo ou festivo, prorrogarase o prazo ata o primeiro día hábil seguinte.

11. OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS

Os/as beneficiarios/as dos Premios Provinciais do Pequeno Comercio 2009 estarán suxeitos ás obrigas que con carácter xeral se establecen no artigo 14 da Lei Xeral de Subvencións.

12. PUBLICIDADE

Os concellos, agrupacións de comerciantes e pequenos comercios, así como os finalistas, poderán facer publicidade desta condición en membretes, anuncios, memorias así como publicar ou difundir a concesión do premio en calquera medio de comunicación.

A Deputación de Pontevedra poderá facer difusión e publicidade do concello, agrupación de comerciantes ou pequenos comercios que acadaran a condición de gañadores e/ou finalistas.

13. PAGAMENTO

Para o aboamento do importe económico dos premios, os concellos, agrupacións de comerciantes e pequenos comercios deberán aportar no prazo de un mes dende a resolución dos mesmos, a documentación acreditativa de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social xunto coa documentación necesaria para efectuar a transferencia (documento bancario acreditativo da titularidade da conta cuxo titular sexa o concello, agrupación de comerciantes ou representante legal do pequeno comercio premiado) no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra.

Os premios serán aboados no prazo de 6 meses dende a presentación da devandita documentación.

O incumprimento da presentación desta documentación no prazo correspondente suporá a perda dos dereitos dos premios.

14. XURISDICCIÓN APLICABLE

En todo o non previsto nas presentes bases establecerase o disposto na Lei 38/2003 de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, no Real Decreto 887/2006 de 21 de xullo polo que se aproba o Regulamento da citada Lei 38/2003 e supletoriamente na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común e en calquera outra norma de dereito administrativo que pola súa propia natureza puidera serlle de aplicación.

15. ANEXOS

O modelo de solicitude referida nas bases será facilitada a través da páxina web: www.depontevedra.es

« Presentación da II Ruta da Tapa | Portada | A Asociación de Comerciantes ‘ábaco’ considera satisfactoria a reunión celebrada no Concello sobre a Praza de Abastos. »

 

Deixar un comentario