O cambio de hora na madrugada do sábado suporá un aforro enerxético do 0,4% no consumo eléctrico en galicia

Redactado por: Redacción Venres,  12 de marzo de 2010

O Instituto Enerxético de Galicia, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, fai especial fincapé na necesidade de utilizar a enerxía dun xeito racional durante todo o ano.

Santiago, 23 de outubro de 2009.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, subliña que o cambio de hora previsto para a madrugada do vindeiro sábado, 24 de outubro, data na que finaliza o horario de verán, e na que se deberán retrasar os reloxos unha hora (ás 03.00 horas serán as 02.00 horas), representa un aforro potencial de enerxía en iluminación, estimado no 1% para o sector doméstico, e do 3% para o sector servizos, alcanzándose unha diminución no consumo eléctrico total no conxunto de Galicia dun total do 0,4%. Deste xeito desde o Instituto faise fincapé en que o aforro motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo do no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción se mantén de forma constante, con independencia do horario.

O cambio horario vén motivado pola Novena Directiva que rexe o denominado “Cambio de hora”, de obrigado cumprimento para todos os países da Unión Europea, vixente desde o ano 1981 e que se renova cada catro anos. As indicacións establecidas nesta Directiva están avaladas polas conclusións dun estudo sobre o seu alcance realizado pola Comisión Europea e presentado ao Parlamento en 1999.

Esta medida de modificación dos horarios comezou a xeneralizarse, a partir de 1974, cando se produciu a primeira crise do petróleo e diversos países decidiron adiantar os seus reloxos nos meses de verán para poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación.

Aforro potencial de enerxía

En concreto, para Galicia o devandito aforro potencial de enerxía en iluminación estímase que acade o 1% no sector doméstico e o 3% no sector servizos, o que supón un aforro de case 6.500 toneladas equivalentes de petróleo, isto é, un descenso do 0,37% do consumo total da electricidade en Galicia.

Para chegar a estas cifras de aforro é necesario facer un uso racional da enerxía, en concreto da iluminación, nos meses nos que está vixente o horario de verán (de marzo a outubro). Desde o Inega recoméndase como medidas básicas para contribuír a ese aforro, a instauración de hábitos básicos como aproveitar en maior medida a iluminación natural ou potenciar a utilización de tecnoloxía eficiente para conseguir este aforro en iluminación, mediante o uso de detectores de presenza, fotocélulas e outros mecanismos deste tipo.

En calquera caso o Instituto Enerxético de Galicia fai especial fincapé na necesidade de utilizar a enerxía dun xeito racional durante todo o ano. Nesta etapa de entrada do inverno o Inega recomenda seguir determinadas pautas de comportamento de cara á utilización da calefacción como manter a temperatura óptima (entre 20 e 22ºC) de día, apagándoa cando non é necesaria, posto que o incremento dun grao na temperatura pode supoñer un incremento de consumo dun 5%. Realizar unha ventilación axeitada do fogar, colocar válvulas termostáticas nos radiadores cos que se pode chegar a aforrar entre un 10 e un 20% no consumo de calefacción, pechar os radiadores das estancias en habitacións baldeiras e instalar illamento nas paredes e nos teitos se hai reformas na casa para reducir o consumo de calefacción, son outras medidas eficientes que o Instituto dependente de Economía e Industria aconsella aos cidadáns que poñan en práctica para conseguir un uso axeitado e racional da enerxía, e co fin de reducir, consecuentemente, os custos.

« A II RUTA DA TAPA atrae a moitos clientes de toda a comarca e arredores | Portada | Boa aceptación do comercio guardés no proceso de inscripción na II FEIRA DE STOCKS »

 

Deixar un comentario