Resolución do 15 de setembro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas a pemes, autónomos e particulares para a renovación de automóbiles con achatarramento de automóbiles antigos-Plan Remóvete.
Resolución do 15 de setembro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas a pemes, autónomos e particulares para a renovación de automóbiles con achatarramento de automóbiles antigos-Plan Remóvete.
Mediante Resolución do 30 de xuño de 2009 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Igape, adoptado na súa reunión do día 2 de xuño de 2009, que aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape ás pemes, autónomos e particulares para a renovación de automóbiles con achatarramento de automóbiles antigos (Plan Remóvete Galicia) (DOG número 130, do 6 de xullo).
O artigo 9.1º das citadas bases establece que unha vez presentada a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras poderán formalizar a compravenda cos beneficiarios e, no prazo improrrogable de tres meses desde a notificación da axuda, presentar no Igape a solicitude de cobramento desta.
Dado o incremento de vendas que se vén producindo no sector automobilístico, en parte incentivado polas axudas do Plan Remóvete, estanse a producir determinadas demoras no aprovisionamento de vehículos por parte dos fabricantes para a súa venda polas entidades colaboradoras. A dita demora supera en moitos casos os tres meses de espera unha vez realizada a compra.
Ante esta situación, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 14 de setembro, decidiu a ampliación de tres a seis meses o prazo previsto no artigo 9.1º.
Visto o exposto anteriormente e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro.-Publicar a modificación do artigo 9.1º das bases reguladoras das axudas a pemes, autónomos e particulares para a renovación de automóbiles con achatarramento de automóbiles antigos (DOG número 130, do 6 de xullo), o cal quedaría redactado do seguinte xeito:
«9.1. Unha vez presentada a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras poderán formalizar a compravenda cos beneficiarios e, no prazo improrrogable de seis meses dende a notificación da concesión da axuda, presentar no Igape a solicitude de cobramento desta».
Segundo.-Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e aplicarase a aqueles expedientes en tramitación.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2009.
Joaquín Varela de Limia de Cominges
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Máis información aquí
Deixar un comentario