A lei de economía sostible apoia ás PEMES
Neste sentido, a ministra de Economía, explicou que se pretende articular un fondo para a economía sostible, ao que o ICO achegará 10.000 millóns de euros
A vicepresidenta segunda do Goberno Elena Salgado, destacou onte que a Lei de Economía Sostible está encamiñada a constituír un instrumento fundamental para avanzar cara á creación dun marco máis favorable ás iniciativas empresariais.
Neste sentido, a ministra de Economía, explicou que se pretende articular un fondo para a economía sostible, ao que o ICO achegará 10.000 millóns de euros e para o que se solicitará ao sector financeiro privado unha achega similar.
Así mesmo, apuntou que existe a intención de crear un segundo fondo de investimento local dotado con 5.000 millóns de euros para realizar investimentos produtivos, que se aprobará en outubro para que as obras poidan comezar en 2010. Os xestores serán unha vez máis os concellos, visto o éxito do fondo anterior, agregou.
A vicepresidenta recordou que o anteproxecto recolle medidas para establecer un novo modelo produtivo desde o punto de visto económico, social e ambiental. Entre outras, fixo referencia á mellora da regulación económica, da contratación pública das administracións, que permitirá unha sustentabilidade económica no sentido de que creará un marco mellor para que as empresas e os particulares poidan desenvolver as súas actividades.
Así mesmo, sinalou que a normativa aposta por procurar a eficiencia enerxética, en tanto que, en materia social, céntrase na formación, con énfase na formación profesional e en xeral no capital humano. O anteproxecto, segundo destacou, inclúe actuacións de carácter transversal para reforzar o sistema de ciencia e innovación e impulsar a competitividade e a produtividade empresarial.
Deixar un comentario